Sogarpo inxectou ata agosto 51 millóns de euros a pemes e autónomos, cun crecemento interanual do 4,5% en importe e do 10% en investimento xerado
Novas
1 de octubre de 2026
A SGR galega facilitou financiamento a 468 empresas, o 96% delas con menos de 50 traballadores, e blindou 6.310 empregos neste período de oito meses
Máis da metade dos 539 avais outorgados por Sogarpo (o 56%) destínanse a proxectos de investimento, 15 puntos porcentuais máis que os solicitados para necesidades de circulante
As liñas IGAPE continúan gañando peso nas formalizacións da sociedade, ao crecer un 9% en importe concedido e un 19% en investimento durante os oito primeiros meses do ano
Os 4.100 avais en vigor superan os 235 millóns en importe, un 11% máis que en agosto de 2025, e xa se sitúan no limiar dos 400 millóns de investimento inducido (+16%)
O convenio coa Deputación de Ourense achegou financiamento a 200 empresas e autónomos da provincia, por un importe conxunto de 17 millóns e cun efecto directo de 1.450 empregos consolidados
Artur Yuste, presidente de Sogarpo, destaca a continuidade dos crecementos “despois de alcanzar cifras teito en formalizacións en 2025, o que fai que os resultados e a evolución adquiran unha maior dimensión e relevancia”
O financiamento avalado por Sogarpo a empresas e autónomos nos oito primeiros meses do ano elevouse a 51 millóns de euros, un 4,5% máis que no mesmo período de 2025 (48,8 millóns), e permitiu inxectar na economía galega 69,6 millóns de euros, cun crecemento interanual que rozou o 10%. O número de empresas beneficiadas, 468, tamén rexistra unha subida en comparanza co histórico exercicio do ano pasado, ao reflectir un incremento do 2,5%. Son datos que transcenderon no primeiro consello de administración que renova a análise trimestral.
En conxunto, o papel da sociedade como instrumento de acceso ao financiamento empresarial en Galicia permitiu consolidar só de xaneiro a agosto 6.310 postos de traballo, o equivalente á totalidade dos empregos existentes en comarcas enteiras como A Limia, O Sar ou Arzúa.
As liñas IGAPE volveron a soster os crecementos de Sogarpo e a gañar peso relativo na operativa da SGR galega. Así, os avais outorgados neste período a través das liñas IGAPE sumaron 40,2 millóns, un 9% máis que hai un ano, e puxeron en movemento 50,1 millóns na economía galega, un 19,1% máis en comparanza cos oito primeiros meses de 2025. O número de empresas beneficiadas por este tipo de produto público galego foi de 341, un 0,9% máis, mentres que a cifra de empregos consolidados situouse en 3.681, cun crecemento do 1,5%.
Máis da metade (o 56%) do financiamento avalado por Sogarpo a pemes e autónomos tivo como destino o investimento, que captou 28,5 millóns, fronte aos 21,1 millóns que permitiron cubrir necesidades de circulante. Desta forma, os avais para investimento representan 15 puntos porcentuais máis que os de circulante (41% do total). A conexión e proximidade de Sogarpo coas empresas de menor tamaño reflíctese na clara hexemonía que ostentan: o 96,1% do importe avalado -49 millóns de euros- foi parar a centros de traballo con menos de 50 empregados.
NOVO AUXE DOS AVAIS EN VIGOR
Os novos crecementos logrados nos oito primeiros meses do exercicio teñen tamén proxección sobre o risco vivo da sociedade. Así, a cifra de avais en vigor alcanza os 4.099, un 3,1% máis que de xaneiro a agosto de 2025, por un importe de 235,3 millóns, cun incremento do 10,6%. O investimento inducido polas 2.686 empresas que manteñen créditos ou préstamos activos coa intermediación de Sogarpo pon rumbo aos 400 millóns. Ao peche de agosto situábase en 395,4 millóns, un 15,9% máis que hai un ano. Dentro da carteira de risco da entidade hai un 7% máis de empresas. Os case 4.100 avais en vigor permitiron consolidar 28.447 empregos en Galicia, cunha subida interanual do 12,4%.
Dentro do risco en vigor xerado especificamente polas liñas IGAPE, o importe formalizado sobe un 29,1%, ata os 140,9 millóns, e o investimento xerado aumenta un 40,1%, ata os 211,9 millóns. Estas cifras son o resultado dun incremento do 25,3% no número de avais. Mentres, as empresas beneficiarias (1.650) e os empregos blindados (16.500) crecen moi por encima do 20%.
Pola súa banda, o convenio que manteñen Sogarpo e a Deputación Provincial de Ourense levou xa financiamento a 198 empresas da provincia, por importe de 17,05 millóns e cun investimento inducido de 20,7 millóns. Este acordo especial apoiou proxectos de expansión, ampliación, modernización ou mellora da competitividade, e achegou estabilidade a 1.450 empregos. O impacto positivo deste convenio sobre o sector empresarial ourensán e sobre a economía local constátase no efecto multiplicador dos avais concedidos, xa que cada euro achegado está a xerar un retorno económico medio de 19,47 euros.
O presidente de Sogarpo, Artur Yuste, destaca a continuidade dos crecementos no que vai de exercicio, e en especial “despois de alcanzar cifras teito en formalizacións en 2025, o que fai que os resultados e a evolución adquiran unha maior dimensión e relevancia”. E ante o novo contexto global, remarca que o reto para a SGR galega segue sendo “responder as necesidades das empresas con independencia do escenario económico e das condicións de mercado”.