Sogarpo creceu en 2024 máis do 50% en importe dos avais concedidos, investimento xerado e emprego consolidado
Novas
24 de febrero de 2025
Inxectou 70 millóns de euros a pemes e autónomos, a través de 883 operacións que levaron financiamento a 656 empresas, cun 22% de incremento
A Sociedade de Garantía Recíproca galega propiciou un investimento empresarial de 87 millóns e a consolidación de 8.300 empregos, 2.800 máis que no ano anterior
Fortalece o seu modelo de xestión baseado no crecemento vinculado ao territorio e no compromiso de abrir as vías de financiamento a todas as pemes e profesionais con proxectos e plans de negocio viables
O exercicio de 2024 viño marcado para a entidade polo apoio ao crecemento das empresas e polo auxe de operacións de innovación, sectores estratéxicos, dixitalización e sustentabilidade
Artur Yuste, presidente de Sogarpo: “Cando planificamos, as cifras que verdadeiramente importan son as de emprego e empresas. Sempre queremos estar máis preto de máis pemes e autónomos, e de máis traballadores, e en 2024 fixemos pleno de contribución social”
O crecemento vinculado ao territorio, o compromiso co financiamento de pemes e autónomos, a adaptación ás condicións de mercado e o rigor na cobertura de garantías e risco definen un ano máis a operativa de Sogarpo, que continúa fiel ao seu modelo de xestión receptivo e conectado coas necesidades do sector empresarial. Nun exercicio con repunte do investimento nas empresas e, en consecuencia, da demanda de garantías para obter financiamento, a SGR galega pechou 2024 cun crecemento por encima do 50% en importe dos avais outorgados, en investimento xerado e, de forma especial, no número de empregos consolidados.
Os 883 avais concedidos por Sogarpo durante o ano pasado chegaron a 656 empresas e conseguiron crear ou manter 8.294 empregos, 2.816 máis (51,4% de incremento) que en 2023. “Cando planificamos, as cifras que verdadeiramente importan son as de emprego e empresas. Sempre queremos estar máis preto de máis pemes e autónomos, e de máis traballadores, e en 2024 fixemos pleno de contribución social, con 119 beneficiarios de incremento (22,2%) e con preto de 3.000 familias con polo menos un emprego consolidado a través da nosa intermediación financeira ”, destaca Artur Yuste, presidente de Sogarpo.
Durante o ano pasado a sociedade inxectou financiamento por importe de 69,9 millóns, cunha subida do 51,7% na comparativa con 2023. O investimento inducido elevouse a 86,8 millóns (aumento do 50,5%), que permitiu executar plans de expansión e de crecemento empresarial, operacións de I+D+i, comercio exterior, mellora de procesos, ampliacións de persoal, inxeccións de circulante ou proxectos de dixitalización e sustentabilidade, entre outros.
A maior cobertura e extensión das Liñas Igape, que situaron a Galicia entre as Comunidades con mellor accesibilidade a financiamento empresarial, canalizaron 462 avais de Sogarpo en 343 empresas e sostiveron case as tres cuartas partes do importe global avalado e do investimento xerado en todo o exercicio, así como preto da metade do emprego consolidado.
A SGR galega situaba a peche de 2024 o seu volume de financiamento en activo (carteira en vigor) por encima dos 192,5 millóns de euros, ao crecer un 16,1% no último ano, e o investimento inducido excedía os 310 millóns (8,6% de incremento). Un total de 2.407 empresas teñen un aval en vigor con Sogarpo, sociedade que desta forma está a contribuír ao mantemento de 23.528 empregos en Galicia.