A activación das Liñas IGAPE desde o comezo do exercicio levou en 2024 á SGR do sur da Comunidade para liderar crecementos no sector en España, con subidas por encima do 50% en importe dos avais outorgados, en emprego consolidado e en investimento inducido
Artur Yuste, presidente de Sogarpo, asegura que as condicións actuais “son as mellores en moito tempo no ámbito do financiamento empresarial en Galicia; estamos a crear un sistema máis aberto, resolutivo e compacto que beneficia a empresas e emprendedores”
O produto público da Xunta canalizou 51,7 millóns -o 74%- do importe total avalado pola SGR en 2024 e propiciou 61 millóns -o 70,5%- de todo o investimento
Na xunta xeral de Sogarpo, celebrada hoxe en Vigo, transcendeu que a sociedade acaba de exceder os 200 millóns de euros en volume de risco da carteira en vigor
Encadea o seu oitavo exercicio consecutivo con subidas interanuais en número de avais, importe concedido, investimento e risco vivo
Sogarpo espera efectos dos aranceis sobre a economía galega no segundo semestre e anuncia que intensificará o apoio financeiro ás pemes máis expostas aos mercados internacionais
A SGR de Pontevedra e Ourense, que en 2026 cumprirá 45 anos, achegou solucións de financiamento a 11.415 empresas galegas desde a súa fundación
Vigo, 10 de xuño de 2025
A xunta xeral ordinaria de Sogarpo, celebrada esta mañá na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), vinculou á maior cobertura de produto público -en especial a través das Liñas IGAPE- a melloría e o fortalecemento do sistema de financiamento empresarial de Galicia ao longo do pasado exercicio. O feito diferencial foi a dispoñibilidade de avais amparados polo convenio da Xunta desde as primeiras semanas do ano, o que derivou nunha maior fluidez no acceso das pemes e profesionais a préstamos, avais e garantías.
“O convenio da Xunta foi en 2024, e está a ser en 2025, unha excelente demostración do beneficio mutuo que se pode lograr coa colaboración público-privada. As Liñas do IGAPE exercen como arteria principal e como vea cava do Sistema de Garantías en Galicia. Así que con este fluxo está garantida a boa saúde do financiamento de plans de empresa e de ideas de negocio na Comunidade”, destacou o presidente de Sogarpo na xunta xeral.
Artur Yuste proseguiu asegurando que as condicións actuais para o financiamento de pemes e autónomos en Galicia “son as mellores en moito tempo; entre todos, estamos a crear un sistema máis aberto, máis resolutivo e moi compacto, condicións que sempre benefician ás empresas, aos emprendedores, á economía e á sociedade”, enxalzou.
O adianto e maior extensión das Liñas Igape permitiu a Sogarpo en 2024 liderar crecementos a nivel nacional, no conxunto das 18 sociedades de garantía recíproca que operan en España. Con 883 avais concedidos a 656 empresas, logrou unha subida interanual do 51,7% no importe global outorgado (69,9 millóns de euros), do 51,4% no emprego consolidado (8.294 postos de traballo no último exercicio) e do 50,5% no investimento inxectado sobre a economía galega (86,75 millóns de euros). Pola súa banda, o número de avais e o de empresas beneficiarias creceron un 12,9% e un 22,2%, respectivamente.
Más da metade -o 52%- das garantías outorgadas e das empresas avaladas canalizáronse a través das Liñas IGAPE, que achegaron 51,7 millóns de importe e 61 millóns de investimento inducido. Representaron o 74% de todo o volume económico avalado pola SGR en 2024 e o 70,5% do investimento xerado.
En produto público, Sogarpo inxectou outros 11 millóns de euros mediante o convenio subscrito coa Deputación de Ourense. Este acordo fixo fluír financiamento a 134 pemes ourensás desde a súa entrada en vigor en 2023 e propiciou un investimento global de 13 millóns.
RISCO EN VIGOR DE 200 MILLÓNS
Con maior demanda, cobertura e produto competitivo, a carteira de risco (avais en vigor) creceu o ano pasado un 16% en importe, ata 192,8 millóns. E en 2025 o risco vivo mantén a senda de crecemento, xa que na xunta xeral transcendeu que por primeira vez ese destacado indicador de actividade acaba de exceder os 200 millóns de euros.
Por outra banda, a peche do pasado exercicio, o investimento inducido polos avais en vigor superaba os 300 millóns., con máis de 23.500 empregos consolidados en 2.407 empresas.
Os bos resultados de 2024 fan que Sogarpo acumule oito exercicios consecutivos con crecementos simultáneos -en taxa interanual- no número de avais outorgados, no importe concedido, no investimento resultante da súa operativa e na carteira de risco.
O IMPACTO DOS ARANCEIS
A xunta xeral da entidade tamén abordou a situación actual do comercio internacional e as posibles repercusións sobre a economía galega. Artur Yuste apuntou que “o segundo semestre do ano mostraranos o verdadeiro impacto das idas e vindas das políticas arancelarias. É previsible que haxa efectos tamén sobre as pemes, en especial sobre as máis expostas aos mercados internacionais”.
Por iso avanzou que Sogarpo dará “protección intensiva ás pemes con plans de crecemento con foco exportador e innovador”, para que non paralicen “nin os seus investimentos, nin os seus proxectos”. Na estratexia da sociedade haberá igualmente atención especial “para microempresas e pemes que aínda non alcanzaron a dimensión esperada, pero que cada día esfórzanse en facelo”, relatou Artur Yuste. En 2024, o 60% do importe avalado pola SGR de Pontevedra e Ourense tivo como destino pemes de 1 a 10 empregados, e case o 80% a empresas de 20 ou menos traballadores.
O próximo ano, Sogarpo cumprirá 45 anos de intermediación financeira ao servizo das empresas galegas. Neste tempo acompañou e abriu a porta do financiamento de proxectos a un total de 11.415 sociedades. Na actualidade conta con 8.337 socios partícipes.
Como peche da xunta xeral, Artur Yuste remarcou que nos próximos anos o produto público seguirá marcando a dimensión do crecemento das SGR, “agora que os tipos de interese e os custos de financiamento suavízanse e dobran a curva. Consolidar empresas require e esixe ter sempre a punto a maquinaria financeira”, lembrou. E concluíu ademais que, en financiamento empresarial, Galicia parte coa vantaxe “de contar cun fortalecido produto público e de conectar coas empresas a través do coñecemento e percorrido das SGR locais que levamos décadas de implantación na Comunidade e de máximo compromiso co territorio”.